Sons de bolillos, literatura e desfiles de artesanía na Mostra do Encaixe
Palilleiras de Galicia, Canarias e dez cidades europeas dan vida aos encontros de encaixeiras
Ainhoa Conde interpretou na pasarela as súas poesías mesturando a danza de arcos con ritmos punk
Once artesás amosan a versatilidade das puntillas
J. M. Ramos
O son dos bolillos segue a resoar con forza na XXXIII Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña, que acolle, ata o domingo, demostracións en vivo de palilleiras de Costa da Morte e doutros puntos de Galicia, así como delegacións de artesás chegadas dende a localidade de Ingenio (Gran Canaria) e de cidades europeas como Sofía (Bulgaria); Krakovani (Eslovaquia); La Turballe (Francia); Gubbio, Novedrate e Trapani (Italia); Bobowa (Polonia); Peniche e Serra d’el Rei (Portugal); e Palickovani (República Checa).
Unha ampla representación que dá vida aos tradicionais encontros de palilleiras da feira, nos que se dan cita artesás de todas as idades e tamén nenas e nenos da escola municipal de Camariñas.
Paralelamente, na xornada do xoves tiveron lugar as dúas primeiras presentacións literarias das catro programadas. Ainhoa Conde e Alfonso de Sas foron os encargados de estrear os espazos editoriais. A autora ceense presentou sobre a pasarela da moda unha fermosa interpretación do seu libro Querida Camariñas... lo que debí decirte. Trátase dunha obra de poesía composta por 70 cartas autobiográficas dedicadas a algunhas das persoas e lugares da súa vida. Ainhoa, que estivo acompañada dun grupo de baile, levou a cabo un espectáculo mesturando a tradición coa modernidade, xuntando a danza de arcos de Camariñas con ritmos punk.
Seguiuna Alfonso de Sas, que presentou no espazo Gourmet entre Encaixes a súa novela Tres imperios, que dá continuación á saga El Cementerio de los Ingleses. Nesta publicación o escritor dá continuidade á historia de Adriana, unha camariñana de Xaviña, e Freddie, un dos mariñeiros que sobreviviron ao naufraxio do buque da Armada inglesa HMS Serpent en 1890.
E este venres, ás 12.00 horas, é o turno de Antonio Puertas Lema e o seu libro Camariñas meu curruncho e Beldoña a miña barca. De seguido, ás 12.20, fará Manuel Vázquez presenta a súa obra O pracer da chuvia.
A pasarela de moda é, un ano máis, un dos espazos máis concorridos da Mostra do Encaixe. Ademais das coleccións de grandes e noveis deseñadores, este xoves celebrouse o primeiro desfile de ArtEncaixe no que participan once artesás e obradoiros de Galicia, que amosan a versatilidade e capacidade do encaixe para adaptarse a diferentes materiais. As propostas son obra de Alfarería La Cacharrera, Estilo Aramar, EASD Mestre Mateo, Lola Logaro, Mar Barral, Obradoiro Tonio, Ondas do Mar, O Rulo, Suso Calo, Tendataller Feituras e Yelena Molina.
Un dos momentos máis esperados cada día é o do Pequeencaixe, que protagonizan as nenas e nenos das escolas municipais de palillo, que crean o seu propio encaixe durante todo o curso para posteriormente deseñar os vestidos e desfilar na pasarela de Camariñas. Ademais, este ano recibirán a visita dos Bolechas, que o sábado, día 30, presentarán unha publicación especial co encaixe como protagonista: Os Bolechas veñen aprender a palillar en Camariñas. Xunto aos máis novos, o domingo, día 31, tamén subirán á pasarela as encaixeiras senior de Camariñas, que exercerán de modelos para amosar ao público as creacións que fixeron durante todo o ano.
- Localizan en el río Santa Lucía el cuerpo de vida de un vecino de Teo que desapareció el viernes
- O PP de Teo aproba delegar na Xunta o reforzo policial, pero rexeita a moción contra Altri no Ulla
- Incautan 114 kilos de navaja y longueirón en O Freixo y Porto do Son
- Ames reconfigura as subvencións, despide a Santomil e axudará tamén a inscribir galiñeiros
- Padrón celebra o seu San Xoán de Raio coa comida de confraternidade
- El 'hotel rosa' de Vedra, entre los diez mejores alojamientos de España para la Guía Michelín
- Maio Vintage: Boiro revive os anos oitenta cun mercado retro
- El talento y la innovación en la FP