Pedro Feijoo e Ana Cabaleiro na Alameda

Feira do libro. Hoxe remata esta edición da Feira do Libro, polo que aproveitade para visitar o espazo ata as 21:00 horas

O día comezará ás 12:00, con varias sinaturas de libros en diversas casetas de librarías. Ás 12:30 horas, terá lugar na carpa de actividades a presentación do libro André de Óscar Senra, en conversa con María Tojo.

A tarde abrirá cun espectáculo infantil ás 17:30, onde Paco Nogueiras interpretará Son Animal. Ás 18:30, Pedro Feijoo asinará Ninguén contará a verdade na caseta da libraría Pedreira. A esa mesma hora, na carpa haberá a conversa 'El trío del mal. Misterio, crímenes e narcotráfico na novela', na que participan Susana Rodríguez Lezaun, Rober Cagiao e Ulises Bértolo. Por último, Ana Cabaleiro presentará o seu libro Xa vemos Palmeiras ás 19:30 horas.

Galder Varas trae o seu espectáculo de humor

O cómico do momento, Galder Varas, estará esta noite no Auditorio Abanca facendo dúas sesións, unha ás 18:00 e outra ás 20:00 horas, de Esto no es un show, o seu espectáculo de humor e improvisación para o que xa non quedan entradas. Este cómico, con máis de dous millóns de seguidores en Instagram e 1,7 en Tiktok, é un dos humoristas máis populares das redes sociais e destaca pola súa habilidade de improvisar co público, co que mantén conversacións do máis desternillantes.

Galder Varas cedida

Festa por Luz Fandiño: “As cestas de Luz” no Museo do Pobo Galego

En memoria de Luz Fandiño, a ‘Poeta da Terra, da Solidariedade e da Revolta’, celebrarase un acto no Museo do Pobo Galego ás 11:00 horas. Esta será unha festa para compartir e lembrar, para encher dúas horas entre mil cantos, mil poemas e mil conversas. A velada transcorrerá entre achegas de quen queira en calquera das partes do acto, nas que se poderá subir ao palco e compartir poemas, música ou discursos dun minuto.

Luz Fandiño ECG

Música clásica e jazz galego

Os domingos son días de descanso e de ocio, e como tal, as propostas de música en Compostela tamén son tranquilas. Unha xornada máis, a Banda Municipal tocará ás 12:00 no Teatro Principal representando Dende a identidade, e coma sempre a entrada é de balde. Se o queres é algo máis movido, hoxe, na Casa das Crechas tocará Sumrrá, un grupo galego de jazz. Este trío con máis de 20 anos de experiencia, tocará ás 20:30, e as entradas custarán 10 euros.