Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
seccion m

Manter o xenio dun lugar

    Pasou por Compostela, hai unha semana, o arqueólogo e divulgador cultural Felipe Senén. Impartiu unha conferencia sobre Carlos Maside e a arte galega, e nela trazou un brillante percorrido pola iconografía do noso país, dende as primeiras manifestacións artísticas nos petróglifos do neolítico, ata as vangardas e a arte contemporánea que encetara o propio Maside.

    Senén, no seu discurso, ía e viña no tempo e nas formas da nosa identidade, viaxaba nos séculos e regresaba logo a Maside, nunha exposición chea de forza, revelacións varias e atractivos múltiples. Fronte a un público totalmente entregado que, convocado pola Plataforma Carlos Maside, enchiamos o salón da actos da Casa Grande do Pozo, na rúa do Vilar (sede d'Afundación).

    "É que eu teño escoitado a xente que sabía facer moi ben estas cousas, como Otero Pedrayo, e aprendín deles", afirmaba o ilustre historiador.

    Nese percorrido pola arte galega nos seus tempos e formas ata chegar a Maside, Senén incidiu nunha idea fundamental: nas restauracións, nas rehabilitacións ou nos reacondicionamentos de monumentos ou espazos "é imprescindible manter o xenio do lugar". O xenio do lugar. En Galicia tendemos a querer perder a memoria, o relato, a esencia dos espazos, o seu xenio. Buscando sempre, cunha falsa idea de modernidade, rachar cun pasado que nos incomoda ou que, por descoñecemento, decidimos eliminar. Pensemos en algo tan sinxelo como a rehabilitación dunha vella taberna histórica. ¿Cantas se terán estragado con materiais e deseños fóra de lugar, malia que carísimos?

    "A nosa identidade é pedra. Somos pedra", afirmou Senén. Mais tamén somos cor, e aí chegaba de novo a Maside: "Partindo das tradicións deulle a Galicia un arte europeo".

    Citando ao seu admirado Otero Pedrayo, Senén lembrou a importancia dunha obra fundamental como O espello na serán. "Libro de reflexos e de intuiciós" (como se define na propia lapela da súa primeira edición de 1966). Un narrador percorre a pedra intemporal de Santiago coma un Leopoldo Bloom transitaba polo Dublín de Joyce. Di Pedrayo: "o xogo das gárgolas, que vai do monástico ó versallesco, de Haendel a Chopin, semella atal noso amigo, e nil a chuvia conselleira nosa".

    "Velaquí a nosa grandeza -concluía Felipe Senén-. Que ata Picasso se formou en Galicia".

    27 abr 2015 / 22:29
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito