Compostela celebra a Luz Fandiño

Unha semana despois do pasamento, o Museo do Pobo Galego acolleu a homenaxe da sociedade santiaguesa á poeta feminista e activista social. Unha marea interxeracional festexou os seus versos e o seu legado vital no auditorio de San Domingos de Bonaval

A emoción encheu este domingo como poucas veces o auditorio do Museo do Pobo Galego. Trátabase de facerlle honra á poeta, feminista e activista social Luz Fandiño (Santiago, 1931), finada o pasado 28 de abril. Composteláns e compostelás -sobre todo elas- de nación e de adopción e dun amplísimo abano de xeracións reuníronse nun evento civil para festexar a vida desta muller emigrante, ávida lectora, poeta autodidacta, loitadora e revolucionaria.

Polo palco, aberto a todas aquelas e aqueles que quixesen compartir as súas vivencias con Luz Fandiño, pasaron músicas e poetas mozas, certificando a querenza pola xente máis nova sempre verbalizada pola homenaxeada, pero tamén as crianzas da Semente que cantaron para Luz a peza Pra facer os maios.

Testemuños de quen atopou, logo do encontro con esta compostelá, o último impulso para lanzarse a crear, rimar versos, compoñer cancións, reivindicar a propia identidade... E o discurso máis emocionado, o de Sara Iglesias, produtora do evento, e unha das amigas que acompañou a poeta nos seus últimos días e lle dedicou uns versos do cubano Silvio Rodríguez.

Compostela celebra a Luz Fandiño

Compostela celebra a Luz Fandiño cun acto de homenaxe no auditorio do Museo do Pobo Galego / Antonio Hernández

Un evento no que ademais se podía participar deixando todo tipo de lembranzas nun vídeo, con intervencións dun minuto de duración, e tamén depositando recordos a xeito de ofrendas nunha das catro cestas -activismo, mocidade, feminismo e poesía- habilitadas ao pé do escenario. Estes últimos agasallos terán o 26 de maio outra vida, outro destino, pois acompañarán unha parte das cinzas de Luz Fandiño, que serán depositadas ás catro desa tarde na Eira da Xoana (Agolada).

Voces femininas

A música e a poesía, por voz de muller, foron as primeiras artes que encheron o escenario do auditorio de San Domingos de Bonaval, nun acto conducido por Tareixa Navaza e Iolanda Aldrei. Logo do seu rotundo “Viva Luz!”, tomaron a palabra a poeta Andrea Nunes e a regueifeira Alba María. E con música tamén contribuíron en cadansúa quenda unhas emocionadas Laura Lamontagne e Zeltia Irevire. A primeira delas interpretou unha composición baseada nun dos primeiros poemas que Luz Fandiño escribiu en francés, “que non gravei pero interpretei para ela na súa cociña”, contaba Lamontagne. Mentres Zeltia Irevire escolleu a súa Loitarei, “un tema que compuxen na época na que coñecín a Luz”, contou.

As integrantes de Habelas Hainas conseguiron poñer a cantar a todo o auditorio, moi no comezo dun acto que se prolongou até as dúas horas e media. Seguindo o festeiro ritmo de Sara, Patricia, Arantza e Jara o público sumouse a entoar o popular himno antifascista Bella ciao, intercalado nalgún momento polo canto dos traballadores do mundo, A Internacional. Unha interpretación que rematou co puño en alto dos asistentes, un xesto habitual da poeta homenaxeada. 

Sobre fascismo, máis sen nomealo, falou tamén Manel Pardo do portal Lindeiros.net, que en 2014 publicaba unha entrevista con Luz Fandiño. Pardo, que se congratulou que nestes últimos dez anos se puxese en valor a figura da poeta animou a “reivindicala como testemuña da sociedade escura e clasista contra a que loitou”. Unha sociedade da que deixou Fandiño testemuño en pezas documentais como A poeta analfabeta, de Cósmica Producións, ou Vía Rosalía, Rosalía feminista, de Illa Bufarda.

Recoñecemento institucional

Na homenaxe a Luz Fandiño tamén tomaron parte, anque dende o aspecto persoal, representantes institucionais como a cónsul de Cuba en Santiago, Ingrid Izquierdo, que reivindicou a Fandiño “como una cubana más” e definiuna tamén coa cualificativo “imprescindible”. 

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, tivo para a homenaxeada palabras dende o persoal e destacou como a poeta contou a súa experiencia sobre a emigración “batendo nas nosas conciencias”, reivindicou a súa “alegría rebelde, a defensa das oprimidas e a solidariedade internacionalista” e, lembrando a Xohana Torres, animou a facerlle xustiza a Luz “coa nosa memoria”.

Un xesto solidario que trae o derradeiro agasallo

O público asistente tiña tamén á súa disposición, no mesmo auditorio, a última obra de Luz Fandiño, Co corazón na terra, pola que cadaquén pagaba o que estimase e cuxa recadación se destinará a algún fin social aínda por determinar. Un dos maiores incentivos para mercar a obra, mesmo para quen xa a tivese na súa biblioteca, foi sen dúbida o marcapáxinas, adornado cunha rosiña artesá feita pola propia Luz Fandiño.