Santiago

“A xente non ve importante formarse contra incendios no fogar ata que pasa algo grave”

Miguel Ángel Arca, xefe de dotación do parque de Bombeiros de Santiago, impartiu unha xornada preventiva a veciños do Castiñeiriño 

Corenta persoas participaron na iniciativa, que terá continuidade ao longo do ano noutros barrios

Práctica de extinción de lume real, coordinada por Miguel Ángel Barca, realizada con veciñanza do Castiñeiriño, en Santiago

Práctica de extinción de lume real, coordinada por Miguel Ángel Barca, realizada con veciñanza do Castiñeiriño, en Santiago / Cedida

A única maneira de que non haxa incendios é con prevención e se os hai, que se poidan minimizar”. Esa foi a principal idea transmitida por Miguel Ángel Barca Bello, xefe de dotación do parque de Bombeiros de Santiago, nunha xornada formativa celebrada no IES Lamas de Abade, na que participaron unhas corenta persoas, veciñas de catro edificios da zona do Castiñeiriño. As xornadas terán continuidade ao longo do ano noutros barrios.

Miguel Ángel Barca asegura en conversa con EL CORREO que a preocupación das persoas ante posibles incendios no fogar crece “cando hai unha mala noticia nos medios como foi o grave incendio de Valencia”. De aí tamén que os propios responsables de asociacións de veciños ou asesorías busquen informar como se debe actuar ante un incendio, inundación, olor a gas ou un fallo eléctrico importante. “Cousas que se poden dar hoxe en día nas nosas casas”, manifesta. Nesta ocasión, a xornada, celebrada a finais de abril, estivo organizada polo parque de bombeiros de Santiago xunto coa oficina compostelana de Liñares Asesores S.L. e Inforhouse.

Formación teórica e práctica

Despois de comunicarlle aos asistentes os consellos en materia de incendios e outros riscos no fogar, Barca ensinoulles a utilizar os distintos elementos de extinción e alarma dos que dispoñen nos propios edificios. Fixéronse prácticas de manexo de extintores de polvo ABC, que se sitúan en cada planta ou de CO2, ubicados xunto aos cadros eléctricos. “Logo hai persoas que teñen extintores específicos para cociña que son de clase F”, engade. En total, foron tres horas de formación.

Con fotografías que previamente fixo Miguel Ángel Barca dos edificios, a veciñanza puido coñecer onde se corta a luz, a auga ou o gas. “Moitas veces chegamos a un olor a gas nun domicilio e téñeno sen cortar. O tempo é prudencial porque pode haber explosión antes de que cheguen os Bombeiros”, manifesta. Tamén se lles informou sobre os BIES, bocas de incendio e as estacións de carga de vehículos eléctricos. En definitiva, “a charla tratou de mostrar o que podemos facer antes de que ocorra unha emerxencia grande”, explica Barca.

Reiterando a importancia da prevención o xefe de bombeiros comenta que “ante un incendio nunha sartén, se non sei como actuar no primeiro momento, cando cheguen os Bombeiros a cousa vai estar mal. Hai que ter sangue fría e intentar controlalo”. Outra situación que podería darse é unha inundación. “Se hai unha tubería que tira auga dende un terceiro a un segundo, hai que saber onde hai que cortar”, destaca.

Lume real

Na práctica de extinción de lume real os veciños asistentes tiveron a oportunidade de manipular o material contra incendios posto a disposición por parte do equipo de bombeiros. “Puxémoslle lume real aos extintores para dar a coñecer o seu manexo, ademais de explicar como se revisan a diario, xa que como propietarios existe esa obriga, con independencia da revisión anual da que se xa se encarga unha empresa autorizada”, destaca.

En concreto viron fugas de gas en botellas especiais adecuadas para formación. “O primeiro que hai que facer nunha fuga non é apagar o lume, senón cortar a fuga de gas por desalimentación. A xente así ve o ruido e a tensión que se crea e tenlle respeto, porque senón cando chamen aos bombeiros o incendio confiado nunha zona vai a estar expandido en toda a planta ou edificio”, asegura.

Asegura Arca Bello que o 90 % dos participantes non ten coñecemento do tema. “Puideron ter oído falar de extintores, pero non os manexan nin teñen oportunidade de facer prácticas”, aclara.

Participación activa dos asistentes

As persoas de idade máis novas son as que fixeron máis preguntas, especialmente en base “a situacións que poden darse”. Algunhas das cuestións eran en base a quen se debería chamar ante un fallo técnico nun ascensor ou ante un olor a gas. “Case todos os días hai avisos por esta última causa porque se confunden co olor a gasoil”, relata.

Miguel Ángel Arca reflexou que son xornadas “moi positivas”. Indicou, ademais, que a diferenza de Galicia, noutras comunidades soen celebrarse de xeito habitual. Recoñeceu que “é complicado dicirlle á xente que ten que ir a unha xornada de prevención de incendios porque para eles non é importante, ata que pasa algo grave claro”, di.

Está previsto que ao longo do ano se fagan outras xornadas formativas noutras zonas de Compostela. Polo de agora non se coñece onde e a data de celebración, pero o máis probable é que se retomen no mes de setembro.