A risa, valor de resistencia na loita das mulleres

I Congreso Internacional sobre Feminismos e Humor, na Facultade de Filoloxía os días 7 e 8 de maio

Cartel do I Congreso Internacional Feminismos e Humor da USC

Cartel do I Congreso Internacional Feminismos e Humor da USC / CEDIDA

“Queremos analizar a relación do humor co feminismo, precisamente por esa capacidade que ten o primeiro de enfrontar ao poder. O humor pódese entender dende varias perspectivas: como agresión, como superioridade e como resistencia, e este último o aspecto que máis nos interesa, resistir de forma activa, sen violencia e moito máis eficaz socialmente”. As que así falan son as docentes e investigadoras Saleta de Salvador, Marta Pérez Pereiro e Yolanda Martínez, que xunto a Laura Lesta organizan o I Congreso Internacional Feminismos e Humor: Humor-Sofías.

Un encontro académico e social que se vai desenvolver os días 7 e 8 de maio no Salón de Graos da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago (USC). Con capacidade para acoller a 130 persoas, este congreso xorde do encontro de Saleta de Salvador (profesora de Filosofía da linguaxe na Universidade Complutense de Madrid) con Marta Pérez (docente de Ciencias da Comunicación da USC) e Yolanda Martínez (profesora de Filosofía política na USC) durante unha estadía da primeira no Cifex -Centro Interdisciplinario de Investigacións Feministas e de Estudos de Xénero- da Universidade compostelá. 

“Nesta estadía presentei a liña de investigación na que estaba traballando, precisamente sobre o humor e a filosofía, un campo no que tamén traballaba Marta”, conta Saleta, “e a partir de aí xurdiu a idea de buscar un foro máis amplo, onde contactar con máis xente que estivese a traballar nesa liña”. Crear unha rede de colaboracións é o obxectivo último, mais non só contando con investigadoras deste campo senón cun programa multidisciplinar. 

“Esta é unha das novidades deste congreso”, explican, polo que no programa non só se inclúen mesas de debate entre diversas persoas que traballan este campo, senón tamén persoas que se dedican ao mundo da comedia, como a artista ecuatoguineana Asaari Bibang que abre o congreso, a narradora Baia Fernández e o seu Ai que risa, Marisa!: Humor para cousas que non teñen graza. E como peche do encontro, o auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación, acolle no serán do mércores a peza Té con Kant, da compañía Inversa Teatro.

Conferencias plenarias

Na tarde do martes a investigadora da Universidade de Vigo Sabela Fraga abordará o relatorio O dobre movemento do humor nas artes, docente que traballa explicitamente a relación do feminismo e o humor.

E para abrir a xornada do día 8, a profesora do Trinity College de Dublín Catherine Barbour, investigadora feminista e gran coñecedora do humor galego, pronunciará a conferencia Killjoys divertidas: humor e vinganza no audiovisual galego feminista.

Mesas de comunicación

Van ser catro as mesas de debate neste I Humor-Sofías, distribuídas en sesións de mañá e de tarde ambos os días. O martes 7 arrancará o debate arredor de De cómicas e comedias, na que participarán Erin K. Hogan da Universidade de Maryland, Elisa Paz da escola de negocios EU Business School ou Matilde Delgado da Universidade Autónoma de Barcelona, entre outras. Pola tarde, trataranse as Resistencias humorísticas, con Enrique Latorre (USC) e a retranca, Iraide Álvarez da Universidade do País Vasco e o patriarcado ou o feminismo e o movemento LGTBIQ+ na arte gráfica, da man de María Gil (USC).

O mércores 8, as investigadoras Emma Torres (UVigo) e Raquel G. Otero (USC) serán dúas das participantes na mesa Humor en imaxes, á que lle seguirá pola tarde o coloquio Risas dixitais, centrada na relación de humor e feminismo a través das redes sociais.

O programa pode consultarse aquí.